Coñécenos


QUEN SOMOS OS CMC?

Os Colectivos da Mocidade Comunista somos unha organización xuvenil comunista, organizámonos para loitar polos nosos lexítimos dereitos e intereses, unindo á xuventude, fortalecendo o movemento xuvenil. Xunto ao PCPE (Partido Comunista dos Pobos de España), traballamos para que a xuventude se incorpore á loita xeral polo socialismo e o comunismo no estado español.

Somos a organización escola para a formación de comunistas, de militantes conscientes, onde recibimos a experiencia práctica e organizativa que nos permite aprender a analizar e discutir politicamente os problemas que afectan á xuventude, e onde aprendemos mediante o debate, o estudo, a actividade creadora e o traballo colectivo, os principios do marxismo-leninismo, ciencia que nos serve para analizar a realidade, os novos fenómenos que nela se producen, e poder así intervir nela para transformala. A formación constante (práctica e teórica) é condición necesaria para avanzar na loita contra o capitalismo. Por iso dotámonos da nosa propia experiencia, os nosos propios materiais de formación, análises políticas e discusión.

SOMOS INTERNACIONALISTAS

Practicamos o internacionalismo proletario, o antiimperialismo, que se basea na defensa dos intereses das e os traballadores e traballadoras do mundo. Estendendo os lazos de amizade, acción común e solidariedade que unen aos pobos e xóvenes de todo o mundo que loitan pola paz, a democracia, a liberación social e nacional, o progreso social, o socialismo e o comunismo.

SOMOS UNHA ORGANIZACIÓN LENINISTA

Construímos a organización leninista, baseada no centralismo democrático, forma organizativa que garante a democracia e a transparencia, fomenta a discusión e elaboración da liña política colectivamente e a aplicación tamén colectiva dos acordos. Toda a militancia ten que render contas do seu traballo e compromiso, independentemente da responsabilidade que ocupe, a minoría debe cumprir os acordos da maioría, superando o individualismo, e non se permiten correntes ou fraccións organizadas. A medida que imos crecendo e construíndo colectivos, imos avanzando no centralismo democrático e o carácter revolucionario dos CMC, pois cada colectivo co seu traballo e achegas políticas, enriquece ao conxunto da organización.

POLOS DEREITOS DA XUVENTUDE ESTUDANTE E TRABALLADORA

Traballamos para construír o proxecto revolucionario da xuventude traballadora e estudantil no estado español. Baseamos a nosa estratexia na loita e a organización, na acumulación de forzas mediante a mobilización sostida. Na loita ideolóxica para desenmascarar o capitalismo e a explotación, mediante a organización do tecido social, do traballo unitario con outras organizacións xuvenís e a vinculación e participación nos movementos sociais e políticos.

PARTICIPAMOS NO MOVEMENTO ESTUDANTIL

Como organización xuvenil, a nosa principal fronte de loita é o movemento estudantil. A xuventude estudantil progresista e revolucionaria temos que dar pasos na construción dun movemento estudantil capaz non só de formular unha loita defensiva (ante os ataques do capitalismo), senón tamén de propoñer e crear un novo modelo educativo. Temos que dotarnos do instrumento organizativo, unitario, democrático e amplo, que defenda os intereses da maioría das e os estudantes. Defendemos unha educación que sexa pública, de calidade, gratuíta, igualitaria, laica, científica, popular e intercultural.

CONTRA A EXPLOTACIÓN LABORAL

Así mesmo a loita contra a explotación das e os traballadoras e traballadores, contra a precariedade tanto social coma laboral, contra a temporalidade, os contratos lixo, as empresas de traballo temporal, contra a negación do dereito á vivenda e outras formas de explotación e exclusión nas que o capitaismo nos situa á maior parte da xuventude, son obxectivos prioritarios da nosa loita.

CONTRA O FASCISMO E O IMPERIALISMO

Participamos activamente no movemento antiimperialista e de solidariedade internacionalista, cos pobos do mundo que que se enfrontan cada día á barbarie do imperialismo. No movemento antifascista, pola igualdade de xénero, a defensa do medio, polos dereitos das e os inmigrantes, contra a represión e a violencia dos ataques ás liberdades que o sistema desenvolve dunha forma cada vez máis agresiva, sobre todo contra a xuventude.

POLA REPÚBLICA SOCIALISTA

Propoñemos, xunto ao PCPE, unha República de caracter Confederal e Socialista, como alternativa real aos límites impostos pola constitución monárquica de 1978, como forma de garantir o dereito á autodeterminación dos pobos e nacións que hoxe compoñen o estado español, como forma de ir superando o actual marco de opresión.

CONSTRÚE REVOLUCIÓN

Estudamos, traballamos e divertímonos, pero sobre todo aprendemos de todo o que facemos para construír o camiño cara á Revolución Socialista dende a clase obreira, dende a xuventude. Onde haxa xóvenes con interese en organizarse e loitar contra o sistema establecido, ao mesmo tempo que se pensa e se constrúe a alternativa que queremos, alí debe haber un colectivo da mocidade comunista.