lunes, 16 de diciembre de 2013

Crónica e análise da Folga no sector da sanidade galega.

O pasado 9 e 10 de Decembro, o sector sanitario de Galiza secundou de forma masiva a convocatoria de folga anunciada pola plataforma “SOS sanidade pública”, facendo ver así, que o pobo traballador non admite máis recortes na sanidade pública e o que é aínda máis importante, non nos van enganar cunha privatización encuberta da sanidade .

A pesar das numerosas queixas dos traballadores da sanidade con respecto aos abusivos servizos mínimos fixados pola Xunta de Galiza (en Vigo por exemplo era dun 37%), o seguimento da folga (no caso dos traballadores que si podían asistir ou non) foi fixado nun rotundo 80% nas dúas xornadas de folga. Ademais os traballadores dos servizos mínimos comentaban que moitas das persoas que tiñan cita no hospital non se queixaban por que tivesen que agardar algo máis a ser atendidos a causa da folga senón que, pola contra, eran moi comprensivos e incluso felicitaban aos traballadores e traballadoras do sector pola folga. Isto é unha clara mostra máis da conciencia popular do valor que ten a sanidade pública.

Estas dúas xornadas de folga, culminaron nas manifestacións, convocadas pola plataforma, nas distintas localidades de Galiza e nas que os Colectivos da Mocidade Comunista tamén participamos. Mostraron un cariz absolutamente masivo en tódalas cidades e vilas da Galiza. Isto demostra novamente que as clases traballadoras non estamos dispostas a renunciar ás conquistas sociais froito da nosa loita histórica, que os traballadores e as traballadoras da sanidade non están dispostos a perder dereitos laborais ao tempo que ofrecen unha sanidade de segunda, e demostra que só a unidade na loita é o camiño que nos podemos marcar para a defensa dos nosos intereses.

Tamén podemos observar de forma analítica o porqué destes ataques, xa que o capitalismo ao atoparse somerxido nunha crise estrutural, trata de recuperar as ganancias focalizando a explotación esta vez nos traballadores dos servizos que ata o de agora eran públicos, tomando medidas estratéxicas como son os recortes orzamentarios en sanidade para poñer estes servizos no camiño inequívoco da privatización, sen ter o menor reparo nas consecuencias nefastas para a clase obreira e os sectores populares. No caso da Xunta de Galiza vemos que isto se esta a cumprir de acordo co capital monopolista europeo, que por distintas vías pretende aumentar a súa competencia fronte a outros bloques imperialistas, abaratando os costos da súa “man de obra”, entre eles o costo da súa sanidade.

É por isto que dende os Colectivos da Mocidade Comunista somos moi conscientes de que non é suficiente o feito de denunciar os recortes nos presupostos da Xunta se non que ademais temos que sinalar a orixe destes, que isto non é algo conxuntural, que isto forma parte dunha estratexia política da oligarquía capitalista, que isto é algo inherente o sistema capitalista para facer recaer o peso da crise capitalista nas clases máis humildes e desvalidas, neste caso e fora totalmente de demagoxias, incluso nos enfermos. O capitalismo non ten piedade con ninguén e moito menos cos traballadores! Ante iso só cabe a máis decidida loita contra este sistema criminal, dende as loitas concretas como as da sanidade e a educación, pero uníndoas indisolubelmente á necesidade de botar o capitalismo á esterqueira da historia.


DEFENDAMOS TODXS XUNTXS A SANIDADE PÚBLICA!