sábado, 10 de marzo de 2012

10 de marzo: Día da Clase Obreira Galega

Folla conxunta do Colectivo Marxista-Leninista FORXA! e de Comunistas da Galiza-PCPE con motivo do10 de Marzo: Día da Clase Obreira Galega.
A saída a crisis capitalista só pode vir dada polo triunfo da clase obreira e da súa revolución
A xustificación constante do goberno do Partido Popular con respecto á reforma laboral foi afirmar, de xeito hipócrita e vomitivo, que esta se fixera pensando nos cinco millóns de parados e paradas, tal é a catadura moral destes fieis e obedientes lacaios da oligarquía que como única arma política dispoñen da mentira e a manipulación, e para os cales os 6 millóns de parados, os estudantes e os obreiros organizados "son o inimigo" contra o cal só queda recorrer á represión para impedir a "helenización de España".
O pobo non pode ser enganado e debe entender que a natureza destas reformas e ataques antiobreiros responden a uns plans previamente trazados polos monopolios capitalistas, que gobernan as institucións da Unión Europea, así como pola propia natureza do capitalismo que se ve empuxado a destruír as súas propias forzas produtivas para remontar a súa crise.
As forzas reformistas pretenden capear o temporal e abrir un camiño de conciliación co sistema, sempre e cando este “suavice” as súas reformas. Os comunistas afirmamos que ese camiño é un suicidio político para a clase obreira que só conducirá a unha intensificación da ofensiva antiobreira e á continuidade dos plans capitalistas que levan ao pobo á miseria.
As políticas regresivas continuarán e se intensificarán de acordo aos plans trazados pola oligarquía, se estes non son contestados e freados. Tombar ao goberno da oligarquía mediante a mobilización continuada e a folga política deben situarse entre os obxectivos do pobo.
A realidade só poderá ser transformada mediante a loita continuada e prolongada da clase obreira, con máis unidade e con máis organización, coa loita nas fábricas, con folgas económicas e políticas como instrumentos de contrapoder fronte á patronal e á oligarquía.
Os defensores do sistema, os reformistas e os oportunistas, defenden a vía da humanización do sistema, a vía da democratización do capital financeiro e das súas institucións internacionais, non como alternativa para a clase obreira e os pobos, senón como melloramento da xestión da rendibilidade capitalista e continuación do réxime de explotación.
Os comunistas, hoxe, afirmamos que a saída da crise capitalista só pode vir dada polo triunfo da clase obreira e da súa revolución. A burguesía é xa incapaz de seguir gobernando a sociedade en función das súas condicións de existencia, non é capaz de dominar, porque “non é capaz de asegurar ao seu escravo a existencia, nin sequera dentro do marco da escravitude”
Non existe outro camiño para a clase obreira máis que o avance na dirección da substitución do poder burgués polo poder obreiro e popular, polo derrocamento do sistema capitalista, pola expropiación dos monopolios capitalistas e polo socialismo como único garante de futuro de paz e prosperidade para o conxunto da humanidade.
A construción do poder obreiro e popular camiña inseparabelmente ligado á construción do partido comunista único garante da organización da loita política revolucionaria do proletariado.
No horizonte da folga xeral do 29 de marzo as forzas comunistas facemos un chamamento á clase obreira e ao pobo para que se sumen á loita, para que reforcen as estruturas obreiras de oposición ás políticas capitalistas, para que reforcen e engrosen as filas das organizacións comunistas, únicas forzas capaces de conducir ao pobo cara á vitoria.
Fronte á explotación e á miseria do capitalismo
O SOCIALISMO É FUTURO!